BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 25/11/2017
Duio
Lendaria capital dos celtas Nerios

Dugium, cidade de antiga historia

Duio

A tradición oral galega, corroborada no legado descriptivo dos xeógrafos de Roma, lembra aínda a vella orixe deste poboamento e as crenzas pagás dos seus habitantes : asentárase antigamente neste lugar a cidade de Dugium, capital cosmopolita e comercial dos Nerios, touta céltiga que habitaba ao solpor da Costa da Morte. Precisamente, téñense descoberto na zona importantes achádegos arqueolóxicos da época céltiga e galaico-sueva.

Un desastre natural, atribuido a causas divinas, asulagou e destruíu a capital de treba, que endexamais voltou recuperar a súa anterga preponderancia. A tradición lexendaria sitúa igualmente a Duio como corte do Reino de Lupa, raíña galaica que se enfrontou ao apóstolo Santiago.

Un salvaxe espacio natural

Praia Rostro

A cidade de Duio disque xace ao pé do vixía atlántico Cabo da Nave, xeograficamente o máis occidental de Galicia e testemuño de incontables naufraxios no bater do furioso e gris mar contra a cortante costa. Tras da Nave, nos montes Veladoiro e Pión, consérvase un cromlech resto dun antigo conxunto megalítico tamén formado unha pedrafita de 8 m. de altura. Tres quilómetros ao norte, comunicado por carreiros que asoman a rentes dos bravos cantís, emprázase o esgrevio castro da Ponta do Castelo ; é este un interesantísimo exemplo de citania marítima, arriscadamente encaixada no outo dun cantil defendido pola batedoira incesante do océano. O acceso á croa era unicamente posible a través dunha porta entre dúas defensas que só o desafiante vóo das gaivotas podía ser quen de traspasar.

As lendarias terras de Duio ofrecen un belido complemento de lecer do que dá conta a rica variedade natural das súas tres praias. A turística praia de augas calmas da Langosteira, sita no interior na ría en fronte ao Monte Pindo, é centro de encontro dos veraneantes de Fisterra. Cara ao Atlántico, a remota e paradisíaca pequena praia de Arnela encóntrase encaixada entre quebrados cantís. Tamén soedosa e aberta ao Atlántico, a longa praia do Rostro forma un rico ecosistema dunar que contén ao bravo Mar do Rostro, do que din os habitantes do lugar:

Mar de Rostro,
se casaras,
abrandabas. 

Ligazóns

Hemeroteca