BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 18/11/2017
Corcubión
Vila mariñeira e señorial de Fisterra

Vila mariñeira, señorial, e turística

Porto Corcubión

As intensas relacións comerciais mantidas co mundo Mediterráneo e coa República de Venecia en particular foron razón de prosperidade na Idade Media para este señorío dos Traba, posteriormente herdado polos Moscoso.

Ademáis da importancia da súa flota, Corcubión contaba cun hospital para acoller aos peregrinos xacobeos que chegaban á vila camiño do Santo Cristo de Fisterra ou do Santuario de Nosa Señora da Barca, rota obrigada de todos aqueles que, despois de render culto ao Apóstolo, terminaban a longa peregrinaxe no Fin do Mundo ou en Muxía.

As fachadas vidradas de Corcubión reflexan a figura maxestuosa do Monte Pindo combinando armoniosamente pedra e auga, coa mesma naturalidade que a idiosincrasia mariñeira e señorial do lugar forma un conxunto homoxéneo. O xeitoso paseo marítimo de Corcubión, as súas vellas rúas e ledas festividades atraen cada ano aos visitantes que, camiño do Fin do Mundo, escollen esta vila como centro xeográfico das súas vacacións no Finisterrae : alén dos propios atractivos da capital xudicial e das súas praias de Estorde e Carballeira, Corcubión ten una situación estratéxica para realizar excursións ás selvaxes terras de Duio e Dumbría, Carnota ou o santuario de Muxía.

Conxunto Histórico-Artístico de Corcubión

Corcubión

Case que unida coa veciña vila industrial de Cee, Corcubión foi declarada conxunto histórico-artístico en 1985, como cidade monumental das terras de Fisterra. Os atractivos principais de Corcubión están caracterizados pola antiguidade e o carácter da nobre arquitectura da vila:

Pazo dos Condes de Altamira, construido a finais do séc.XV, anque ten sofrido múltiples modificacións con posterioridade. Foi prisión e sá de audiencias do xulgado señorial.

O porto, reconstruído tras a súa destrucción polas tropas napoleónicas e máis polo bombardeo a que o someteron os ingleses para expulsar aos franceses da vila. A súa especial localización estratéxica e as súas condicións de abrigo e seguridade fano ideal como escala para a navegación deportiva.

Casa Miñones, vivenda dun industrial local construida en 1899, reflexa a simbiose entre a arquitectura tradicional galega e o estilo modernista da época.

Castelo do Cardeal, fortificación deseñada por La Ferrière en 1741 que outrora defendía a ría con 12 pezas de artillería e 96 militares.

Igrexa de San Marcos, orixinalmente románica do séc.XII, foi reformada varias veces, unha das últimas en 1832 cando unha treboada estragou parte da torre. Son salientables no fermoso conxunto as diferentes representacións vexetais e zoomórficas.

Son igualmente dignas de mención a recente Capela do Pilar, construida neste século ; a Capela de San Antonio, erixida cara 1700 por un descoñecido adicante ; a Igrexa de San Pedro, do séc.XII ; e o Cabo de Cee, edificado no ano 1860, desde onde se olla un grande panorama da ría e das Illas Lobeiras, tráxico escenario de varios naufraxios.

Ligazóns

Hemeroteca