BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 23/11/2017
Zas-Baio
Onde a arte, historia, industria e futuro casan

Da Idade Media ao Renacemento

Liño

A pegada do asentamento do pobo xermánico dos Suevos en Galicia é significativa nesta comarca, como así indican as toponimias de Gundar, Gontalde, Ramilo, o propio nome de Sas, e mais a importante necrópole galaico-sueva de Tines, en terras de Vimianzo. Da época medieval corresponde tamén a estructura da ponte de Brandomil, nunha bela paraxe do río Xallas, que comunica coas terras de Mazaricos e de Santa Comba.

Encóntranse en Zas dous bos exemplos de arquitectura civil galega : As Torres de Allo, un dos pazos máis antigos de Galicia e antiga propiedade do clan dos Riobó, foi erguida sobre unha fortaleza destruída polos Reis Católicos. As dúas torres rectangulares, anteriores ao corpo do pazo, presentan influencia do estilo manuelino portugués do séc.XVI. O conxunto complétase coa igrexa de San Pedro de Allo, tamén con influencias renacentistas.

A Casa de Romelle, brasonada cos escudos dos Moscoso e dos Caamaño, forma un extraordinario conxunto composto polos muros de defensa, unha torre almeada e unha galería sostida con columnas de pedra. O interior garda un xeitoso xardín con fonte e cruceiro, e mais unha capeliña dedicada a San Xoán e a San Xurxo.

Museo da industria rural do Liño

Carballeira

O liño e a la eran material de confección dos tecidos en Galicia desde tempos inmemoriais ata a introducción do algodón no séc.XIX. A industria manufactureira do liño foi motor de riqueza na economía rural galega, e moi especialmente nas terras de Soneira.

Os campos de liño cultivados nesta comarca lembran esta antiga tradición que pervive aínda en varias parroquias de Zas, como en Carreira ou especialmente en Baio, no lugar da Cacharoza, onde se encontra un museo aberto sobre as técnicas tradicionais na producción de fío para tecidos. A viaxe pola historia da industria galega do liño pódese completar coa visita aos Batáns do Mosquetín, na beira do río grande, un dos típicos centros de tratamento.

Soneira, importante zona megalítica

Torres do Allo

As terras do interior desta área, e notadamente as de Soneira, caracterízanse pola súa notable riqueza megalítica. Datadas entre o IV e III milenio a.C., encóntranse en Zas a anta de Pedra Vixía, perto de Baio, e a Arca da Piosa, na parroquia de Muíño. Inspirado nesta última, en perfecto estado de conservación, cantou o Bardo Pondal á tumba do grande heroe celta Brandomil:

O valiente Brandomil,
Saído da gentil e boa raza
Dos Celtas, repousa alí.

Entre as numerosas medoñas repartidas por Gándara, Meanos, e Mira, cómpre destacar a mámoa de Bermello, na parroquia de Lamas, na que se achou un machadiño de pedra considerado único por ser totalmente idéntico aos do megalítico americano.

Ligazóns

Hemeroteca