BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 23/11/2017
Ponte do Porto
Couto troiteiro do río Grande

Cereixo, nobre parroquia dos Moscoso

Río Grande

Formando un conxunto homoxéneo con Ponte do Porto, a pequena parroquia de Cereixo é coñecida polos seus dous importantes monumentos arquitectónicos :

A Igrexa de Cereixo, datada do séc.XII, segue o estilo común do románico rural galego, cunha única nave, ábside rectangular con bóveda de cañón, e motivos decorativos céltigos nos muros e nas cruces. A porta sur contén a primeira escultura do mundo representando a traslación do corpo do apostólo en barca, tema constantemente repetido na cultura dos países celtas e probablemente inspirado no mito artúrico.

Como mostra da arquitectura galega de feitura militar, encóntranse a carón da igrexa as Torres de Cereixo, antigo pazo propiedade dos Condes de Maceda, onde tamén se acha un dos maiores hórreos de Galicia con 30 m. de longo.

Enxebre arquitectura popular

O antigo porto desta pequena vila fluvial lembra nostálxico a certa relevancia posuida en tempos pasados, cando os barcos remontaban a ría ata o peirao no que hoxe só se encontran algunhas pequenas embarcacións de recreo.

Baixo a ponte que dá nome a este lugar, ría e río funden mansamente as súas augas nunha paraxe de calma beleza, escollida por moitos pescadores para a práctica do seu deporte favorito : o couto troiteiro do río Grande pódese disfrutar ao longo de varios quilómetros por unha sinalizada vereda chamada Rota dos Muíños, que segue un Camiño Real á beira do río, entre vetustos muíños e axeitados merendeiros.

Para Ver

Igrexa

O estratéxico emprazamento de Ponte do Porto convérteno en ponto ideal de partida para excursións aos principais centros turísticos da comarca : Camelle, Camariñas, Vimianzo, Traba, Laxe, Muxía... En Ponte do Porto pódese degustar asemade toda a variedade da gastronomía mariñeira destas terras, así como facer compras na feira celebrada os segundos e derradeiros domingos de mes, e acudis a o seu Museo Etnográfico.

Ligazóns

Hemeroteca