BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 21/11/2017
Camelle
Porto e estación de salvamento

Espacio Natural de Interese Nacional desde 1933

Camelle

Camelle é punto de partida para seguir para coñecer unha costa brava, seguindo un carreiro costeiro que leva ata o Cabo Vilán e Camariñas. No porto da parroquia, pódese visitar o museo de Man, un orixinal xermano que escolleu Camelle para vivir a súa existencia dedicándose á arte de facer pinturas e esculturas cos materiais que lle entrega o mar, ata que o desastre do Prestige lle arrebatou a vida, ao non poder soportar ese impacto no seu mundo particualar.

Arou é o derradeiro lugar na costa en camiño ata Camariñas. Neste marco natural de incomparable beleza encóntrase o Monte Branco, de igual toponimia có do esteiro do Anllóns, e a enseada do Trece. Cerca do vixiante faro Vilán agáchase baixo a escuma a mortal Ponta Boi, negro lugar que destrozou polo menos a 8 barcos no último século, entre eles o traxicamente coñecido buque inglés Serpent.

A Estación de Salvamento Barbeito e Cía.

Campá

Camelle e Arou, posibles emprazamentos viquingos na Idade Media, son dos lugares que máis naufraxios asistiron. Desde o ano 1898, a Estación de Salvamento Barbeito e Cía dedicábase á extracción de chatarra e despece dos barcos naufragados, estando atenta en intervir en calquera salvamento. Durante moito tempo, foi Camelle o centro de recepción de náufragos, de representantes de compañías de seguros, de persoal de alfándegas e de cónsules de varios países, xa que era nas oficinas de salvamento onde se practicaban as primeiras dilixencias.

Naufraxios

Museo de Man

Lígase ás veces o elevado número de naufraxios tamén á práctica da piratería de terra. Os piratas de terra ou raqueiros, menos coñecidos e populares cós do mar, actuaban pretendidamente nas fisterras de Bretaña, Cornualla, Gales, Galicia e Irlanda. Mediante a colocación de fachos nos cornos das vacas, desorientábanse aos barcos, algúns dos cales naufragaban e espallaban na costa a súa carga. Isto ten unha orixe literaria e ficcional.

Camelle prestou sempre axuda nos naufraxios, con grande perigo para as súas xentes. Os máis dos veciños de Camelle e Arou lembran aínda contos dos non lonxanos tempos de naufraxios, atesourando reliquias dos máis célebres: Na igrexa do Espírito Santo de Camelle, consérvase a campá do buque inglés City of Agra, naufragado o 3 febreiro 1897 enfronte de Arou. Dos 61 tripulantes, as coraxosas xentes puideron salvar a 32 mariñeiros, arriscando a súa propia vida coma en tantas catástrofes marítimas acontecidas nestes lares.

Ligazóns

Hemeroteca