BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 18/11/2017
Camariñas
Capital do encaixe en Galicia

Unha vila ligada ao comercio

Encaixe

Ben que a orixe do poboamento de Camariñas é moi antiga, como testemuñan os castros celtas localizados nos arredores, o tempo histórico determinante para a vila é a Idade Media : o intenso comercio marítimo que o Reino de Galicia mantiña cos Países Baixos impulsou esta técnica propia en parte da terra de Soneira.

A característica actividade costureira de Camariñas adquiriu grande sona en Galicia e en certos mercados internacionais : perto de 2.000 artesáns traballan actualmente no labor do encaixe, converténdose Camariñas no lugar do mundo con maior concentración de encaixeiras.

Mostra do encaixe

Palilleira

Ao redor desta industria naceron dinámicas empresas de vocación exportadora, o Centro de Promoción do Encaixe ou o Museu do Encaixe de Bolillos, que coexisten coa tradicional actividade das palilleiras, mulleres de grande destreza na confección do producto rei de Camariñas. Nos días de bo tempo, é posible observar ás palilleiras traballar en grupos diante das portas das casas, conformando unha entrañable estampa turística.

Camariñas bule coa promoción do seu producto sobranceiro durante a Festa do Encaixe, celebrada cada primavera, onde se amosan as soberbias creacións de panos, manteis, lenzois, etc. Outra festividade de grande sona no lugar é a procesión marítima da Virxe do Carme en xullo.

O eterno veladoiro do Faro Vilán

A ría de Camariñas é un claro exemplo da pequena ría da Costa da Morte. Protexida pola Ponta da Barca de Muxía e polo Cabo Vilán, a vila vive ás costas dun espacio natural bravo e hostil no que despunta o espectacular Faro Vilán, testemuño insomne de centos de naufraxios e senlleiro habitante desta dramaticamente belida costa.

O Faro Vilán, o primeiro faro galego a suministro eléctrico, garda ao tránsito marítimo lonxe das afiadas costas de Soneira e sinala a proximidade do porto de Camariñas, un dos máis importantes de Galicia por tonelaxe de capturas. O porto foi ampliado desmantelando o Castelo do Soberán, do que incluso se aproveitaron os seus canóns para o amarre dos barcos.

O Castelo do Soberán é ponto de partida para excursións polo espacio natural do cabo Vilán, declarado Sitio Natural de Interese Nacional polo seu grande atractivo paisaxístico e riqueza biolóxica. Polo camiño costeiro trazado a rentes de lindas praias arríbase ao Cemiterio dos Ingleses, á enseada de Trece e Monte Branco, e á parroquia de Camelle.

Ligazóns

Hemeroteca