BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 24/11/2017
Traba
Corte dos Condes de Traba

Principado do Reino de Galicia

Dona Urraca

Traba foi nobre corte e lar dos Condes de Traba, señores das terras comprendidas entre Ribadeo e Fisterra e directores da vida política do Reino de Galicia.

Como rexedores dos destinos do Reino, os Traba tomaron en cargo a educación dos monarcas galegos : Pedro Froilaz, definido na Historia Compostelana como Imperator in Orbe Gallaetiae, formou ao Rei Afonso VII, e igualmente fixo Fernando Péres co príncipe Fernando II.

A igrexa de Traba

A igrexa de Traba

O templo parroquial de Traba e o pazo de Arrueiro de Soesto, erguido sobre o castelo Real, son os únicos vestixios da nobre historia destas terras. Construida no séc.XII, a igrexa de Traba garda arcaicos detalles románicos a pesares dos curiosos engadidos barrocos e renacentistas, notadamente as catro colunas salomónicas da fachada. A esta igrexa referiuse o Cardenal Hoyo en 1606 narrando o sacrilexio cometido por un soldado escocés.

Un rico e salvaxe espacio paisaxístico

Vista Traba

O enorme areal de Traba, outrora cenario de xogos reais, é un dos máis longos de Galicia con case 3 km. de lonxitude. O conxunto composto por praia, dunas e lagoa forma un ecosistema de enorme interese ecolóxico. Na lagoa de Traba crese submerxida a cidade de Valverde, asolagada pola man divina por culpa da súa desordenada conducta.

O espacio natural de dunas e lagoa complétanse co carreiro costeiro ata Camelle e máis cos montañeiros Penedos de Traba, baile de rochas zoomórficas nas que certos investigadores localizan as Aras Sextianas de sacrificios rituais, descritas polos xeógrafos do séc.II Plinio e Ptolomeo. A misteriosa paraxe e a fantástica paisaxe deste bosco de pedra son obxecto de varias lendas sobre a súa orixe e antigos habitantes.

O decano da xeoloxía galega, Isidro Parga Pondal, bautizou o raro tipo de granito rosa dos Penedos como Granito Rosado de Traba. Da riqueza mineral desta zona son tamén indicio as abandoadas exploracións de caolín de Nande, cuxo mineral era transportado por teleférico ata a praia de Laxe.

Hemeroteca