BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 18/11/2017
Mens
Nobre terra do clan dos Moscoso

Viaxe á arquitectura medieval galega

Igrexa Mens

Declarada monumento histórico-artístico, a igrexa de Mens aparece citada no testamento de Urraca Fernándes, filla do Conde de Traba, no ano 1199. O templo, erexido en 1134, aínda que o seu muro norte semella máis antigo, foi mosteiro vencellado primeiramente ao San Martiño Pinario de Santiago para o ser despois á Colexiata da Coruña.

Sobre a súa planta basilical érguense tres naves cobertas por arcos de medio ponto e bóvedas de medio cañón de destacable arquería, rematadas na testa da construcción por dous ábsides semicirculares laterais e un pentagonal central. A porta románica da fachada é un engadido posterior. Merecen asemade seren destacadas a porta do muro sur, os capiteis e os idoliños.

As Torres de Mens

Torres de Mens

Anterga propiedade do clan dos Moscoso de Altamira, exercían os señores o seu poder sobre o norte de Bergantiños. Destruída nas Guerras Irmandiñas de 1467 e reedificada posteriormente, a fortificación, bó exemplo da arquitectura civil galega do séc. XV, conserva a muralla defensiva e mais tres torres cadradas. Os veciños aseguran que un tunel subterráneo comunica as Torres coa igrexa, tecendo fantásticas lendas ao redor desta especulación.

Admirar a beleza do mar de Bergantiños

Faron Nariga

As terras dominadas polas Torres ofrecen grato lecer ao visitante que desexe disfrutar da tranquilidade de pequenas praias senlleiras e recollidas. A parroquia de Barizo conta cunha praia e cun xeitoso porto recollido dos ventos polos Picos dos Nabás. Perto encóntrase o areal do esteiro de Seiruga e o castro marítimo da ponta Galeana. Barizo, que conserva vextixios dun señorial pasado nalgunha casa brasonada e na igrexa, completa o conxunto formado por Mens e por Cores, sito na estrada Malpica - Ponteceso.

Barizo e Mens son ponto de partida para unha fermosa excursión polo monte Nariga ; Neste lugar construiuse en 1995 un orixinal faro en forma de proa de buque que, perfectamente integrado na paisaxe, inmortaliza os milleiros de cargueiros que noite e día travesan a Costa da Morte. O faro, concebido para securizar o deshabitado tramo de costa entre o Cabo Roncudo e as Illas Sisargas, fora xustamente premiado pola Unión Europea. A península ofrece tamén como curiosidade as zoantes torres do parque eólico de Nariga, o misterio de numerosas rochas modeladas en formas caprichosas, a fermosura das ínsuas do Lago, e as virxes praias de Niñóns e do Morro.

Ligazóns

Hemeroteca