BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 18/11/2017
Malpica de Bergantiños
Capital mariñeira de Bergantiños

Fogar escollido das aves migratorias

Malpica

O grande areal da Praia Maior é ponto de encontro estival de centos de turistas e spot apreciado por surfeiros de todas as nacionalidades que acó se dan cita no Open de Surf de Malpica, evento celebrado variablemente na primavera. Desde aquí, un carreiro sinalizado continúa cara ao espacio natural do Cabo de Santo Hadrián, fronte ás Illas Sisargas.

Cabo e illas forman un rico ecosistema escollido por milleiros de aves para a súa reproducción, comprendendo varias especies en perigo de extinción. As Sisargas pódese acceder participando nas Festas do Mar o terceiro fin de semana de agosto : unha tradicional procesión marítima pasea á virxe ao redor das Illas ao tempo que as embarcacións engalanadas fan soar ledamente as súas sereas.

Vixiante das Sisargas tamén é o Faro de punta Nariga, unha ds xoias da arquitectura contemporánea. Ao pé dos cantís do cabo, visítase a Ermida do Santo Hadrián do Mar, de célebre romaría a mediados de xuño. Outras festividades de relevancia en Malpica son o Corpus e o San Antón.

Na volta do Cabo arríbase á parroquia de Vilanova, coa súa soedosa e branca Praia de Beo, o marítimo castro da Ponta Galeana, e a Capela de Santo Eleuterio, avogado do mal da raiba, no lugar de Vigo. Camiño de volta a Malpica, encóntrase na parroquia de Cerqueda un dos máis sobranceiros megalitos galegos, a Pedra da Arca. O Oratorio, como tamén é coñecido, forma parte dun conxunto de tres mámoas e outra anta máis, a Pedra da Mina.

O potencial marítimo industrial de Bergantiños

Lugrís

A lonxa é outro centro neurálxico da actividade económica e social de Malpica-de-Bergantiños. O espectáculo da poxa de peixe fresco recén capturado, abastecedor por igual do mercado nacional como do local, ten continuación nas enxebres tabernas que ofrecen abondante degustación de todo tipo de peixe e marisco ao tempo que acollen as vivas e falangueiras historias dos lobos de mar malpicáns.

O pintor coruñés Urbano Lugrís foi intensamente seducido por este auténtico ambiente mariñeiro, reflexándoo romanticamente nunha serie de pinturas ao fresco de alta riqueza artística e etnográfica exhibidas ao visitante na Casa do Pescador.

Unha enxebre estampa mariñeira

Gaivota

Un documento do séc.XIII referíndose a Malpica como propiedade do Arcebispado de Compostela é a primeira referencia histórica a esta vila mariñeira, porto baleeiro ata tempos recentes e actualmente un dos de maior captura de peixe en Galicia. A importancia deste enclave pesqueiro espertou a ambición de personaxes como o Conde de Monterrei, quen tomou Malpica no séc.XV, sendo igualmente significativo o feito de ter a vila acollido, ata o ano 1895, unha Axudantía de Mariña.

O núcleo de poboación espállase a partir do centro dunha pequena península que se introduce medio quilómetro mar adentro. A fisionomía estética da vila foi substancialmente transformada nos últimos trinta anos, pero a primixenia estructura de ruelas estreitas e labirínticas aínda absorve o tráfico constante da actividade procedente do porto e da lonxa.

Son definitivamente estes dous lugares os que conforman a máis típica postal mariñeira : baixo unha estridente nube de gaivotas, ao compás da constante entrada e saída de embarcacións, mulleres e homes amañan aparellos e redes que deixan repousar pacientemente no peirao á espera do contacto coas frías augas do Atlántico. O mar de Malpica é imprevisible e perigoso, e moitos días do ano -especialmente en inverno- a flota non pode sair faenar. É corrente observar neses días de temporal o choutar das ondas por riba do dique, sucesivamente ampliado e reforzado nos últimos anos como refuxio dunha centena de embarcacións.

Ligazóns

Hemeroteca