BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 23/11/2017
Laxe
Porto de Bergantiños

Vila portuaria dos Traba e dos Moscoso

Puerto

A vila de Laxe era a saída marítima máis próxima dos Condes de Traba, señores das terras ártabras, desde a súa residencia de Traba, principado onde se educou o Rei de Galicia Afonso VII.

A importancia deste antigo porto pesqueiro e comercial maniféstase nos relevantes vestixios da arquitectura medieval da vila : a Rúa Real, a Casa do Arco e a Igrexa de Santiago de Laxe. Construída no séc.XVI con evidentes caracteres góticos, os muros do templo están decorados con figuras de formas simples representando á Virxe en diferentes escenas.

A igrexa de Traba

Iglesia Laxe

No interior da igrexa de Laxe descansan restos dos Moscoso de Altamira, clan sucesor dos Trastámara de Traba no séc.XIII. Repousan igualmente neste campo sacro as víctimas do vapor inglés Adelaide, naufragado nestas costas en 1830.

Centro turístico de grande fermosura natural

Igrexa de Traba

Laxe cita cada verán a milleiros de turistas atraídos pola fermosura natural destas terras e polo encanto acolledor das súas xentes. A longa praia de Laxe, de brancas e finas areas, é a preferida pola maioría dos visitantes,quedando para xentes máis senlleiras as de Rebordelo e San Pedro, no interior da ría de Corme, ou a de Soesto, parroquia onde residiran o Rei Afonso IX e a Raíña Dona Berenguela.

Desde a praia de Laxe pódense observar os restos das torres do teleférico que transportaba caolín desde a parroquia de Nande. Entre as industrias e a praia foran emprazados os edificios do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, instituto de investigación xeolóxica de renome europeo, debedor do inxente traballo científico desenvolvido por Isidro Parga Pondal.

A paraxe de Soesto

Soesto

No comezo do camiño costeiro que leva a Soesto, Traba e Camelle, no cumio do monte Cornaceiras, emprázase a ermida de Santa Rosa de Lima, de piadosa romaría celebrada no verán. O cruceiro da ermida foi construído no séc.XVII como agradecemento de Laxe por ter escapado a un sanguinario ataque de piratas.

Ligazóns

Hemeroteca