BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 24/11/2017
Carballo
Unha das novas cidades galegas

Estación termal e lar natal de Alfredo Brañas

Praza

Carballo é unha vila moderna, de recente creación e edificación, nacida coa descoberta das caldas en 1716 e herdeira da súa disposición e poboamento actual desde a segunda metade do séc.XX. Carballo é terra natal de Alfredo Brañas, gran patriota e teórico do movemento político galeguista, venerado no Panteón de Galegos Ilustres de Santiago de Compostela.

Os Baños de Carballo, fontes de augas termais sulfurosas manadas a 30ºC. de temperatura, significaron o gran desenvolvemento daquela pequena parroquia bergantiñá. A constante afluencia de visitantes que viñan curar as súas doenzas de pel e reumatismos, motivou a construcción de varios edificios e o establecemento de transporte regular coa Coruña desde 1850. Case tres séculos despois, a estación termal de Carballo continúa a acoller a numerosas persoas que se benefician das propiedades curativas das súas augas.

Carballo é igualmente centro principal de intercambio agropecuario da zona e tradicional provedor de pan e madeira á cidade da Coruña. Consideradas estas terras como graneiro de Galicia durante a famina do séc.XVIII, son productos típicos da vila o famoso pan de Carballo e as súas deliciosas empanadas, aínda elaboradas en moitos casos de xeito artesanal. Todos os produtos naturais da comarca pódense encontrar nas tradicionais feiras e mercados celebrados cada domingo. Outro dos numerosos eventos festivos de relevancia en Carballo é a noite de San Xoán, o 24 de xuño.

Entre as maiores cidades galegas

Cura en balneario

Carballo é unha das maiores cidades galegas, e a máis importante fóra dos grandes núcleos capitais. A sua estructura e idiosincrasia é urbana, con un forte arraigo e introducción no seu entorno.

A vila é representativa do enorme potencial de toda unha rexión de Galicia: a sua posición estratéxica entre os maiores polos económicos do norte, o ser un concello de mar e terra, motor de unha grande área con un enorme potencial de desenvolvemento, centro de unha zona de fortísimos recursos forestais e agropecuarios, converten Carballo nun dos maiores atractivos para multitude de empresas e industrias.

Carballo soubo aproveitar sempre os recursos das comarcas que a rodean para crear emprego na zona e xerar valor engadido ás materias primas: industria conserveira, empresas da madeira, transformación, etc.

Carballo é ademais o lugar onde se concentran os esforzos de multitude de familias que levantaron o país á costa de deixaren a terra. Como en toda Galicia, todo o mundo ou estivo fóra ou ten familiares que están ou estiveron fóra. A estructura urbana de Carballo é, probablemente, o mellor exemplo das vilas erguidas durante os sesenta ao se edificar fundamentalmente a partir do investimento dos emigrantes.

Carballo é pois, un exemplo do máis representativo da sociedade galega: unha personalidade aberta, con iniciativa e capaz de afrontar os maiores retos

Monumentos das terras de Carballo

Razo

Na parroquia de Aldemunde áchanse os restos da Pedra Moura, anta da que se conta que foi construída por unha moura, personaxe galego irmán dos mauras irlandeses, que trouxo as pedras na cabeza ao tempo que fiaba nunha roca e daba de mamar a un neno. Aos pés da Pedra Moura, na parroquia de Sofán, atópanse os castros de Guntián e de Cotomil, que gardan parte dos muros de defensa.

Nas terras de Carballo consérvanse varios pazos de alto interese, entre os que destaca o Pazo do Souto, en Sísamo, edificado no séc.XVII por un inquisidor da igrexa católica de Santiago e hoxe rehabilitado para servicios de turismo rural. Outros pazos da comarca son o de Vilardefrancos e As Pallas, na parroquia de Artes, ámbolos dous do séc.XVII, o Pazo de Gontade, en Ardaña, e o Pazo de Louride, en Rus. Así como outras casas grandes da zona. En construccións relixiosas cómpre nomear a igrexa parroquial de Sísamo, do séc.XII, e o cruceiro e igrexa barroca de Rus, en cun interior no que existe unha gran cruz de prata do séc.XVI e un interesante retablo.

Do litoral de Carballo hai que destacar especialmente Razo, praia por excelencia dos habitantes da capital bergantiñá, perfectamente dotada en canto a servicios e atención aos bañistas, premiada polas súas limpas augas co recoñecemento da bandeira azul. O grande areal e rico ecosistema de Razo-Baldaio encóntrase ao pé do Monte Neme, lugar de explotación mineira do wolfram desde a II Guerra Mundial. Igualmente perto pódese acceder tamén ás fermosas praias de Malpica, Balarés e Corme.

Desde Carballo accédese comodamente aos múliples atractivos que toda a zona ofrece -tantos que é imposible velos todos e hai que facer escollas- Fisterra ou Cee, Vimianzo ou Camariñas, Malpica ou Caión, Ponteceso ou Corme, Verdes ou Traba, están perfectamente comunicados desde este completísimo centro urbano.

Ligazóns

Hemeroteca