BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 20/11/2017
XEOGRAFíA

A COSTA DA MORTE

O nome tradicional para o Finisterrae ata o século XVIII é o de Promontorio Céltico (Celticum prom) de onde o bardo bergantiñán Eduardo Pondal senta as bases para a sua construcción poética.

O nome Costa da Morte responde a unha realidade natural difusa, isto é, xeograficamente é un conxunto de comarcas naturais .

Nos textos árabes da idade media o nome de Céltico é usado para se referir ás terras de Bergantiños. E na cartografia europea onde máis frecuentemente volvermos atopar o termo Céltico para sinalar o Finisterrae. Entre outros moitos estudiosos, cabe destacar a Gerard Mercator e Abraham Ortelius, ambos do século XVI, que usaron o termo Celticum et Nerium para denominar o promontorio fisterrán.

A Costa da Morte encóntrase entre os 42º 45´ e 43º 25´ graos de latitude, estando delimitada polo océano Atlántico ao norte e oeste.

Os ríos principais que compoñen as distintas comarcas son o Anllóns, Xallas, Grande e Castro. As máximas altitudes acádanse nos Montes da Ruña (646 m.) Monte Pindo (629 m.), Monte Santa Bárbara (538) e Monte Neme (386 m.).

Os Cabos máis importantes, de coñecida sona en todo o mundo, son o Cabo Fisterra, Cabo Touriñán, Cabo Vilán, Cabo Roncudo e Cabo de Santo Hadrián.

CLIMA

As temperaturas son témpedas no verán e frescas no inverno en todas as comarcas, con isotermas de 17.5 ºC. no mes de San Xoán e de 7.5 C. no mes de Xaneiro. A media anual é lixeiramente inferior á que lle correspondería tendo en conta a sua latitude, debido aos efectos beneficiosos da Corrente do Golfo no inverno e aos refrescantes ventos do norte no verán.

As choivas son menos frecuentes que no conxunto de Galicia, chegando incluso a obter os niveis máis baixos dos índices pluviométricos galegos (Camariñas e Muxía, 800 a 1000 mm, e Fisterra, 600 a 800 mm. Os meses de Outono a Marzo son os que rexistran maior actividade pluviométrica (900 a 1000 mm), descendendo no verán ata (200 a 300 mm).

Avanzada continental no Atlántico, primeira receptora en Europa das borrascas do norte, considérase os ceos e especialmente o solpor da Costa da Morte coma un dos máis espectaculares do mundo.

ECONOMÍA

A pesca e a gandeiría xunto co sector servicios son as máis importantes fontes de riqueza nestas comarcas. Malpica e Camariñas son os portos que máis desembarcan (5000 a 6000 tn ao ano) seguíndolles por este orde Caión, Corcubión, Fisterra, Laxe, Corme, Muxía e Camelle.

Pertencente ao dominio florístico eurosiberiano, a exploración forestal das especies de rápida medra de pinos e eucaliptos cambiou nas últimas décadas a paisaxe, antigamente poboada de bosques de caducifolias, especialmente de carballo. O reaxuste do sector primario da última metade de século creou unha forte vaga migratoria cara aos países europeos, América, e aos núcleos máis próximos na zona da Coruña.

A zona é actualmente base de empresas líderes no seu sector, en boa medida gracias á súa localización estratéxica no eixo de comunicacións Coruña-Santiago e aos portos de mar. As comarcas de Fisterra, Soneira, Xallas e Bergantiños posúen importantes activos e recursos no sector primario, notadamente nas actividades agrícolas e marítimas. O sector terciario desenvolveuse extraordinariamente nas últimas décadas, e a zona configúrase como privilexiado destino turístico de Galicia.

Hemeroteca