|
Inxel pintor do Mar de Malpica
A figura e a vida do artista Urbano Lugrís (A Coruña, 1908 - Vigo, 1973) está rodeada dun áurea de incógnita e descoñecemento. Naceu por volta de 1908, fillo do egrexio galeguista Manuel Lugrís Freire, presidente da Real Academia Galega. Creador polifacético, mantivo unha intensa vida cultural colaborando con persoeiros e intelectuais hispánicos da talla de Dieste, Laxeiro, Lorca, Alberti...
O seu estilo pictórico traza semellanzas con surrealistas como Magritte ou como o metafísico Chirico, creadores igual que el de visións oníricas e de espacios moi persoais. A súa obra está fortemente influenciada polo imaxinario céltigo e pola predominancia de temas mariños.
Amou a Bergantiños gracias a poesía de Pondal, ao que coñecera persoalmente da man do seu pai nas tertulias galeguistas da Cova Céltiga da Coruña : Así, en 1951 desprazouse a Malpica durante catro meses para decorar a Casa do Pescador. Neste tempo da súa vida, Lugrís foi definitivamente engaiolado por Bergantiños, pasando as horas nas enxebres tabernas e cantando no coro.
|
|
A rosa dos ventos agarda ó visitante no bar Pescador de Malpica, a carón dun mapa da Costa da Morte, obra do malpicán Chunguito, aquel mozote a quen Lugrís lle regalara a súa paleta de pintor.
Malpica de Bergantiños,
El Rei te quixo vender :
Para comprar a Malpica
moitos cartos hai que ter.
Inspirado pola vida mariñeira de Malpica, o pincel de Lugrís legou aos muros da Casa do Pescador cinco frescos e tres trípticos. Os cinco frescos conservados aló son unha homaxe á paisaxe das illas Sisargas e ás bariles xeracións de mariñeiros malpicáns. Os murais gardan todos a mesma posición, baseada na conxunción dun poético texto coa imaxe de fiestras abertas sobre unha paisaxe marítima, ao mesmo estilo que as lendas inscritas nos exvotos mariños.
|