BUSCADOR






22º Ano - 5ª Época - 27/05/2018
Actualidade
04-02-1999

QUEREN RETIRAR A VACA DE FISTERRA, ULTIMO SINAL SONORO DE EUROPA

Modesto Fraga Fisterra, febreiro do 1999 MALIA a fermosura indubidable do poema de Rafa Villar, pertencente ao seu libro O tributo da tarde, no que aparece cristalina e transparente a evocación ás buguinas que adoito nos ofrece o propio mar; o certo é que cada día que pasa, o poema antano veraz e realista, transfórmase agora en pura concepción metafísica, ou o que é peor, en mera invención utópica do propio autor. Non debera pois extrañarnos que o Rafa, extraordinario el sempre no cultivo do verso máis directo e de proximidade ao lector, adoite agora por nos ofrecer unha literatura máis afin aos desexos dos amantes do tradicional, evocando para si na súa obra sensacións cada vez máis metafóricas e menos reais. E digo isto con profundo pesar. E digo isto con claras mostras do que para un fillo, neto e mesmo bisneto de mariñeiros supón que despois de máis de sesenta anos de vivir de cara ao mar, agora, por mor de leises feitas, creadas e deseñadas por algúns que xamais botaron os pés enriba dun barco, teñamos necesariamente que vivir de costas ao medio que durante séculos nos deu o pan de cada día. Todo isto, amigo lector, preguntaraste, incrédulo, a que vén. A qué razón se debe. Pois ben a conto e ten que ver coa máis que próxima -inminente- habería que dicir, desaparición da nosa sirena de néboa, á que todos os vellos lobos de mar fisterráns coñecen como A VACA, pola súa semellanza no berro -digo eu- con este bendito animal. ¡Que si, home, que si!, que ocorre que proximamente por cousas da modernía e demais caralladas, sucede que a nosa vaca retírannola definitivamente, e póñennos no seu lugar unha desas electromagnéticas que tan de moda están na actualidade. O que non saben, ou acaso pretenden ignorar os nosos mandamaises, é que os homes e mulleres de Fisterra -os de mar e os de terra adentro-, malia a non sabermos moito de leises e demais historias, si temos o noso afecto e a nosa estima por todo aquelo que consideramos Noso. E digo Noso con maiúsculas, para que se entenda. Por iso non comprendemos, e moito menos aceptamos, que os dirixentes da Autoridade Portuaria da Coruña, así de boas a primerias, tiren por terra máis de sesenta años de historia, máis de sesenta anos de traballos e loitas, sacrificios e axudas. Sesenta anos de maneiras sentimentais de entender o mar. Por tal motivo, nós, os mariñeiros, os torreiros, os amantes do mar en definitiva, nos comprendemos as razóns que levan ás autoridades a prescindir dun medio único en toda Europa. Non entendemos, e negámonos a comprender, como é posible que se derrube da mañá a noite a historia recente, non xa dun faro, nin dun Cabo, senón de todo un pobo, dunha cultura, unha raíz, dun universo, en fin, o universo do mar. Segundo puido saber o arriba firmante, a autoridade portuaria pretende facer unha remodelación de todo o faro, motivo polo que a vaca, por ocupar un gran espacio e non podendo ubicarse noutro sitio ten os días contados e deixará a súa xa case centenaria labor, cunha potencia cercana ás 20 millas pola moderna máquina que ofrecerá non máis de 10. Certamente doe e moito a decisión da autoridade portuaria da Coruña. Doe porque manca, porque fire. Porque arrinca de súpeto as tentrañas do Cabo. Porque mata dun só golpe o animal que todos somos. Porque converte en definitiva un po a historia, a raíz, o Noso. Malia todo, supoño que haberá quen contraste as súas opinións con estas que desde a humildade lle fai quen asina, pero a verdade é única e a opinión variada. En todo caso, polo que a min respecta, conclúo reafinmándome nunha versión única: a que devén de lamentar profundamente esta perda, irreparable, sobre todo polo que ten de sentimental tanto para torreiros, fareiros, como para os homes do mar. En definitiva, máximos representantes do medio -e que supoño eu, tamén terán a súa opinión, senón legar si moralmente- e que estou certo de que lamentarán moi moito esta desaparición. Eles, os mariñeiros, a bo seguro que tampouco entenderán moito, nin lles importará que exista unha lei que declara que as sirenas de aire comprimido non son obligatorias e moito menos de importancia. "Sólido argumento" dos que cren que con isto bastará para calmar os ánimos. Eles, os mariñeiros, tampouco saberán que a A.I.S.M. (Asociación Internacional de Sinalización Marítima) recomenda métodos máis eficaces e modernos. É máis, posiblemente descoñezan que na actualidade xa existan "grandes avances" na materia como a navegación por satélite, o RACOM, un radar de situación que se activa inmediatamente para dar a situación dun faro, o GPSD, o radio-farkos, ou mesmamente a clásica luz que aínda é hoxendía, afortunadamente insubstituíble. Pero o que si saben eles, os mariñeiros, é que con esta remodelación, na que parece ser participa tamén o concello con dúas salas de exposicións, pérdense sesenta anos de servicio. Pérdense sesenta anos de cultura marítima, e pérdense tamén por último, sesenta anos de historia, que é o mesmos que dicir sesenta anos de mar en Fisterra. O que tamén saben os mariñeiros é que a antiga sirena levaba funcionando ininterrompidamente, desde principios dos anos 30. Sempre en casos de néboa, para alertar ós ousados traballadores do mar. O que saben os lobos de mar de Fisterra é que contan -ou haberá que dicir xa con resignación, contaban- coa única en exclusividade de toda Europa. O que saben, é que coa desaparición da sirena do faro, ou da vaca, morrerá tamén inevitablemente parte do tunel e toda a zona que mira cara o mar. Parece ser, segundo teño entendido, que alí van crear uns miradores. Supoño que para deleite dos numerosos turistas que visitan o Cabo. Nacerá así a historia moderna do faro de Fisterra. A cambio, iso si, de sacrificar impunemente toda unha vida. Toda unha historia.

Deixa aquí o teu comentario








Hemeroteca