BUSCADOR






23º Ano - 5ª Época - 16/09/2019
FISTERRA, VILA MARIÑEIRA ENXEBRE

Por: José Ramón Insua Trava

Atopámonos en Fisterra no ano 1754. A Vila ten o seu Gremio do Mar, presidido por Pedro Branco, cuxas normas foron creadas en común acordo por todos os seus asociados: Os mariñeiros matriculados. Son os únicos que se poden dedicar ás faenas pesqueiras a cambio de prestar servizo na Mariña de Guerra Española en caso de conflito bélico.

Os seus nomes, estremézome, son estes: Alberto de Castro, Andrés Rivero, Andrés López, Antonio de Senlle, Antonio González, Antonio Marcote y Trava, Domingo González, Domingo Piñeiro, Domingo de Silva, Fernando de Trava, Gregorio de Trava, Ignacio das Cernada, Isabel Caamaño, José Fernández Malaxo, José Vermúdez, Martín de Rivas, María de Canosa, María Diaz de VALDIVIESO Ou VALDIVIELSO (Apelido fisterrán), Mateo Vallón, Pedro de Lema, Pedro Domínguez, Felipe Fernández, Simón García, Tomás de Lastres e outros. A todos eles, desexamos sinceramente que descansen en paz.

Posuían a arte de pesca coñecida por Cerco Real, parecido á traiña, pero de tamaño moito maior. Estaba formado de partes individuais pertencentes a distintos propietarios. Estes anacos do cerco chamábanse quiñóns. Uníanse todos para formar unha única rede. Cada quiñón media de 34 a 42 m. de longo por 33 m. de alto. Necesitábase de 90 a 300 quiñóns para formar un cerco real. Durante o tempo que se investía en unilo, producíanse uns gastos comúns que se coñecían como bebedura do aparello. Logo, era levado aos ombreiros e en dobre fila ao trincado, embarcación dotada con 20 ou 28 homes e dun 14 m. de longo. Producíanse entón os gastos comúns denominados bebedura da saída pola compra de patacas, pan, viño, etc, para os 4 ou cinco días que permanecían pescando.

Acompañaban ao trincado lanchas de 10 a 12 m., embarcacións pequenas, pilros e pinazas nas que embarcaban os atalieiros (a súa misión era descubrir os bancos de sardiña). Descuberto o cardume, botábase a rede até facer o cerco completo e mantíñase así durante media semana. Sacábanse as sardiñas do cerco cos "salabardos" desde as embarcacións pequenas. Xa en terra, as sardiñas repartíanse en proporción ao número de quiñóns que posuía cada mariñeiro. Entón tiña lugar a bebedura da partilla.

O tempo de pescar iniciábase a últimos do mes de agosto e finalizaba a principios de decembro debido a que a sardiña con pouca graxa consérvase durante máis tempo.

A sardiña pescada durante cinco anos, valorábase en 2.999 reais e 24 maravedís.

En faenas pesqueiras doutro tipo, existía a repartición Do peixe para comer. Escollido o peixe para este fin, facíanse cun número de lotes igual ao de tripulantes e un máis. Cando un deles quedaba máis pequeno que os outros, o que os facía dicía que Choraba polo que procedía a igualalos.

Finalizada a súa tarefa o repartidor, preguntaba gritando, “Quen fecha?” “Eu!”, respondía unha moza orfa do mar. Levaba para a súa casa a parte engadida en demasía. Había tres maneiras de realizar esta operación:

Escondido o voluntario, chamábaselle e entregábaselle unha bolsa que contiña obxectos persoais de cada un dos mariñeiros. Entón, a voluntaria íaos sacando da bolsa, un a un, e colocábaos sobre os diferentes lotes de peixe. Finalizada a tarefa, cada un recollía o que lle tocou.

Outras veces, non se usaba a bolsa e facíase unha chea cos citados obxectos, mentres o “fechador” se mantiña oculto.

Unha terceira forma, consistía en que o "fechador" fose nomeado aos tripulantes desde o seu agocho.

Este era o Fisterra enxebre que se nos vai desvanecendo e que ben tratado, podíanos proporcionar unha estimable riqueza turística.

Hemeroteca