BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 21/11/2017
FISTERRA, PRINCIPIO E FIN. Felipe Senén
Felipe Senén

A Ucha das Horas por Felipe Senén

Fisterra

Sabémolo, e senón intuímolo por un sexto e sabio sentido, que hai lugares emblemáticos que pola súa misteriosa forza nos atraen, os que busca a curiosidade de todo viaxeiro, a necesaria tarxeta postal da Galiza de sempre. Nesa letanía antolóxica de paisaxes, en primeirísimo lugar debe estar Fisterra. Representativo punto do "confín dos verdes castros", gabancioso no extremo occidente, o lonxano oeste desta Europa que, inicialmente, se foi conformando por obra e gracia dos peregrinos a Compostela. Pese a todo Fisterra merece, por parte de todos, moitas outras atencións que deben partir da sensibilización para evitar o intervencionismo innecesario, ser víctima da súa demandada beleza; como poñer couto e fin a que cada quen pouse alí testemuño da súa arrogante presencia, da súa docta ou minguada ilustración: placas, esculturas, acumulación de "obras de afeamento". Valia como exemplo o que os bretóns fixeron no emblemático lugar de Point de Raz , promontorio que apunta ó mesmo Atlántico, ata fai pouco "invadido" por un mostrario de chiringuitos de souvenirs, cafeterías e ata un hotel con certo sabor... A guía que lemos cóntanos: "A punta de Raz, pisoteada polos visitantes e accidentada polas tormentas, era víctima do seu éxito. Coa súa rehabilitación, feita polo Conservatorio Litoral, destruíuse un inmenso aparcadoiro, así como o antigo centro comercial. Tamén se emprendeu un proxecto de replantación de landas que aínda durará varios anos. Como nada é perfecto, o encantador hotel de Iroise, que se erguía como un vixía na landa, tamén foi arrasado". Todo por recuperar o recurso natural que atrae ós vistantes. A planificación faise patente, mestúrase a paisaxe coas necesidades do noso tempo: a dous quilómetros edificouse unha funcional área turística con todo o que lle compre ó visitante, amplo aparcadoiro (especialmente para autocares), restaurantes, cafés, tendas, wc, centro de orientación (co suxerente nome de "Maisón du Site") que ofrece exposicións, audiovisuais, proposta de alternativas... e un autocar ecolóxico gratuito parte cada dez minutos, leva e trae ó cabo ós que non queren ir camiñando polos sendeiros de terra.

Cando as cousas non se planifican actuará a improvisación, a presencia e multiplicación do mal gosto, o atentado en todas a súas gamas. A desatención traerá máis descontrol, os telderetes e ata o mercadilleo de cunchas e buxinas de illas exóticas do Indico ou do Pacífico. Debérase tomar nota das experiencias maduras, para que esa bandeira de Europa que campa nos balcóns oficiais tivera mellor razón de ser.

Felicitamos que, na nosa Fisterra, se retirara o vertedeiro de lixo que "complementaba" a xa deprimente panorámica deste horizonte que sinala o farallón do "Centolo", para que o histórico faro ofreza mellor imaxe. O recuperado e pequeno hotel do Semáforo, previlexiadamente consentido, empoleirado e rivalizando co mesmo faro, non pode ocultar as limitacións para as necesidades reais e nas que os proxectistas non cavilaron: bombonas de propano, caixas de suministros á vista... A mítica e pétrea "Ara Solis" que busca o maxín e non atopa, somella sepultada polo intervencionismo "culto" e oficial..

É Fisterra un espacio sacroe profano, que ten valor por si mesmo, pola súa significación, pola súa historia de naufraxios e lendas fecundativas, as que permañecen no segredo desa Galiza máxica, incomprendida. Así é que "non lle toques xa máis" que así é esta rosa-rosae perfecta, altar nos confíns do territorio dos "kallaikoi". E para máis inri o arquitecto Cesar Portela, paradoxicamente tan dentro da linea minimalista, complementa a súa omnipresencia ó proxectar e executar o escultórico cemiterio de bloques aillados nos camiños que levan ó solpor, ó occidente, ó mesmo faro e cabo. Aínda que o proxecto na súa teoría resulta moi poético, filosófico e incluso escultórico e cunha lectura simbólica algo así como "os camiños da vida que conducen cara ó fin que é principio" non resultan moi agradables para os turistas que nun autocar percorren o zigzagueante camiño que vai da igrexa de Santa María das Areas ó cabo e se poidan atopar cun cortexo fúnebre diante. Este promontorio tiña outros espacios para ese servicio público dos tempos da incineración, comenzando pola recuperación do vello campo santo de Santa María das Areas. Pero en Galiza somos moi proclives a construir minifundio, deixar marcada constancia de presencia, dando renda solta á creatividade anómica, ó feismo de cada quen por tódolos currunchos, especialmente nos santuarioscomo Fisterra. E xa veremos cando sobre ese xogo de dominó de panteóns pouse o tempo, a humidade e a vexetación, as flores de plástico e sigan intervindo, pola mesma lóxica, outras sensibilidades, tan propensas a "farolitos", placas, bancos... En definitiva nestes escenarios sempre agroma a inconsciencia, os máis fondos aspectos da alma galaica, a necesaria convivencia da parroquia dos vivos coa silandeira parroquia dos mortos e das lembranzas. Uns e outros enxergando aquí o cadrelo filosófico do principio-fin, onde Venus anuncia o vésperus solar, os enigmas e o mar das sereas fecundadas da illa Lobeira e os castelos pétreos do monte Pindo.

Aínda queda moito por descubrir en Fisterra. Moitos deses enigmas aniñan no cimo do monte Facho, a carón daquelas casiñas que foron da Marconi e nas que me contan naceu Alexandre de Fisterra, inventor do futbolín, difusor da obra poética de Ernesto Cardenal e ata amigo de Marilyn Monroe...por alí están as covas do atlante Orcavella, a Pedra do Cabalo, as xigantescas Pedras Santas "que se non as pode mover unha xugada de bois , si a habilidade dun neno"... Os restos da ermida de San Guillerme, a onde aínda acuden as familias infecundas a "pasar pola pedra", que é realizar o acto sexual denriba do sartego do ermitaño cristianizador, a "Cama do Santo". Todo o que conta o Padre Sarmiento no seu "Viaxe a Galicia no século XVIII", recollido e ampliado na primeira metade do século XX por Esmorís Recamán, e na actualidade por Pedro Marfani e Benxamín Insua Trillo, o que inspirou a Camilo José Cela para ese labirinto literario de lendas, tradicións, vivencias e fabulacións que é "Madera de Boj". César Antonio Molina, Manolo Rivas tamén se teñen referido a algúns destes aspectos do "Oscurantismo Fisterrán" que tivo como atinado precursor a Francisco de Ramón Ballesteros, familia que garda o mascarón do "Serpent".

De tódolos xeitos poucas bisbarras tramaron un esforzo como o que fixo a asociación "Neria" por estudiar, dar a coñecer ou potenciar os infindos recursos culturais, naturais, nauticos, incluso relixiosos... e así atoparon coa contestación do mesmísimo Cabildo de Compostela: non se pode dubidar da significación desa prolongación que vai da Tumba do Intimo Amigo do Mestre ó Finisterrae. Continuar a peregrinaxe deica este confín de suxerentes cunchas de vieira, da mítica asulagada cidade de Dugium, que celebra a Pascua de Resurrección do Cristo da Barba Dourada, é adentrarse no cerne do labirinto dos misterios da vida e da morte.

A forza inmensa da natureza, dese instinto divino que os humanos levamos dentro, somella agromar sempre en Fisterra. Non ven mal buscalo.

Hemeroteca