BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 18/11/2017
ILLAS SISARGAS - CABO DE SANTO HADRIAN

Reserva botánica de endemismos galegos

Illas Sisargas

As Sisargas son un pequeno arquipélago formado polas illas Grande, Chica e Malante xunto con ínsuas como a Chalreu ou a Xoceiro. Distan 1 quilómetro do cabo do Santo Hadrián, podendo acceder a elas en travesía de media hora alugando algún barco no porto de Malpica.

A illa Sisarga Grande, de 1000 m. x 600 m. de superficie e 107 m. de altitude, está somentes habitada polos dous torreiros do faro de Santo Hadrián. Xunto á lenda das ruínas da ermida de Santa Mariña, da que se cré destruida polas invasións normandas ou polo pirata inglés Drake, aínda pervive a lenda do Tesouro do Magnánimo : Segundo o conto, outro pirata de mar tivera agachado nas Sisargas a súa riqueza, que aló repousa gardada da avaricia humán.

Zona de endemismos

Tuberaria

As constantes rachas de vento mareiro que zoan incesantemente no arquipélago imposibilitan o medre de calquera tipo de especie arbórea, como se pode observar nos raros exemplares de piñeiros de repoboación (P.radiata), figueiras (Ficus carica) e moreira branca (Morus alba), raquitizados pola acción erosiva do vento, sendo por tanto as resistentes matas atlánticas as que agachan a avifauna desta única reserva ornitolóxica.

Nas Sisargas encóntranse algúns endemismos do noroeste da península celtibérica, como o Carpazo (Cistus carpaza psilosepalus), a Tuberaria globulariefolia, a Anxélica (Angelica pachycarpa), o Toxo (Ulea sp), a Centares corcubionensis -só presente no noroeste galego- ou a Rumex acetosa. Tamén é de destacar a flora dos cantís das illas e do cabo, principalmente as dúas variedades da Herba de namorar (Armeria pubigera e Armeria maritima). Na época de floración destas especies, os cantís tínguense dun belido e intenso contraste entre o verde clorofílico das prantas e o rosa pálido das súas flores.

Excepcional refuxio de aves migratorias

Gaivota

As Sisargas son reducto vixiado do seu afamado percebe e privilexiado hábitat para especies migratorias. A soidade atlántica dos seus egrexios e inviolables cantís protexen a unha gran colonia de aves mariñas que encontran aquí o lugar apropiado para a súa reproducción. Entre estas, atópase algunha rara especie en vías de extinción coma o Arao dos Cons (Uria aalge ibericus). Tamén crían nas Sisargas as meirandes colonias hispánicas de Gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), Gaivota escura e Cormorán moñudo (Phalacrocorax aristotelis). Outras especies de interese son a Gaivota clara (Larus cachinnans), o Andurón (Apus melba), o Corvo mariño (Phalacrocorax aristotelis), o Cereixeiro, o Carnazal, e o Falcón peregriño (Falco peregrinus).

O cabo de Santo Hadrián é o mellor lugar de observación dos pasos migratorios das aves de setembro a outubro. De gran riqueza xeolóxica, ornitolóxica e paisaxística, o cabo acobilla a numerosas especies á procura de alimento no continente, entre estas o Corvo viaraz (Corvus corone), o Corvo cereixeiro (Corvus monedula), a Pega (Pica pica), a Gaivota clara (Larus cachinnans) e algún Corvo carnazal (Corvus corax). Asemade, os fondos do cabo e das illas son un apreciado enclave para o submarinismo de observación.

Neste ponto, o máis septentrional de Bergantiños, emprázase a ermida de Santo Hadrián do Mar, do séc.XVI. No camiño ata a praia de Seaia, atópase na beiramar unha cristianizada pedra da serpe, emparentada coa de Gondomil en Corme. A lenda lembra o antigo culto ofilátrico galego, posteriormente reconvertido e reciclado polos cristiáns cara ao protagonismo do Santo.


" ... e van en ringleira
gritando e voando,
en demanda das illas Sisargas,
eu noto reparo.
Ah! quen fora como elas tan libre!.. "


Eduardo Pondal

Ligazóns

Hemeroteca