BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 22/11/2017
CABO FISTERRA

Mítico e lendario promontorio

Fisterra

O tradicionalmente considerado ponto máis occidental do continente europeo avanza sobre o mar uns cinco quilómetros en dirección sur, en paralelo ao granítico Monte Pindo, formando a protexida e fermosa ría de Corcubión e Cee.

A península marca o seu fin no faro de Fisterra, estoico vixiante do océano construido en 1853. A torre de 17 m. de altura, que aloumiña ata 32 millas, non foi suficente para evitar varios naufraxios causados pola mesta brétema fisterrá. Por este motivo completouse ao faro coa instalación dunha serea, alcumada como a " Vaca de Fisterra " polo seu estridente bruído.

De cara a unha infinda lonxanía

Solpor

O panorama a outear desde o cabo é magnífico : ollando cara o meridiano, os días de boa nitidez atmosférica é posible deseñar o trazo da costa das Rías Baixas e o Monte Santa Trega, na raia con Portugal.

Na boca da ría de Corcubión, emerxen as ínsuas de Lobeira e Carromoeiro. Preside o cadro a camaleónica masa granítica do Monte Pindo, naturalmente de cor rosada, anque os condicionantes meteorolóxicos veñen xogar coa tonalidade final que produce na retina humana.

En fin, na abertura oceánica, impóñense os cortantes cantís, o virulento mar, o temible con do Centolo e as augas infindas.

Posición xeográfica estratéxica

Cormorán

O cabo de Fisterra sitúase na avangarda oceánica do continente europeo e marca o punto de inflexión de dous dominios xeográficos diferenciados. A flora e a fauna presentes neste brazo de terra gardan idéntica condición ás encontradas noutros pontos da Costa da Morte.

Así, na península atópanse endemismos do noroeste galego como a Centaurea corcubionensis, numerosos subendemismos galegos como a Herba de Namorar (Armeria pubigera) ou a Loitosiña (Tuberaria guttata), e mais a corrente vexetación típica de cantil. Nas zonas de praia e duna de Duio habitan un gran número de prantas características destes medios, como os endemismos galaico-portugueses da Limaria polygalifolia subsp. polygalifolia.

A fauna avícola acollida nas costas rachadas de Fisterra é unha das máis importantes de Galicia, aínda que os asentamentos non se produzan de xeito tan colonial coma no Cabo Vilán ou nas Illas Sisargas. A meirande colonia na Costa da Morte de Corvo Mariño Cristado (Phalacrocorax aristotelis) encontra aquí o seu hábitat, nas inaccesibles furnas ao longo do tramo de costa e mais no con do Centolo, visible dende o cabo.

Ligazóns

Hemeroteca