|
|
![]() Cada duas semanas novas puntuais
|
|
O
PONTECESO CAMPIÓN DA COPA DA COSTA. Marco
Antonio Sande (Radio Nordés-Cadena Ser).
A primeira oportunidade dos de Sieso chegou no primeiro minuto de xogo, concretamente ós vintetrés segundos de xogo, nunha internada por banda dereita do interior Míchel que poñía un balón en botas de Fran. Unha pelota esperada por calquera, unha oportunidade única, un envío perfectamente medido polo oito soneirán que Fran non acertou a subir ó marcador. Mans a cabeza, lamentacións pero... aínda quedaba tempo para moito máis. Apretou e apretou o soneira ata vérsellela outra cara da moeda ós pontecesáns. De novo, no minuto sete, Manuel Pastoriza (que onte sí foi o Pastoriza ó que nos tiña acostumados) zapateaba o coiro, con toda a rabia que caracteriza a este bravo xogador, para envialo ó longueiro levantando a afección soneirán dos seus asentos, por certo, sobresaínte neste encontro. O Ponteceso defendía os continuos envistes e atacaba de cando en vez con pequenos coletazos ofensivos que non chegaban a crear verdadeiro perigo. Unha vez máis Pastoriza, liderando ó seu equipo, aproveitaba o saque dun córner para rematar de cabeza ó longueiro. Foron, sen dúbida, as tres oportunidades máis importantes do encontro, as tres que facían falta, as tres que tiñan que subir ó marcador e non o fixeron. No fútbol non se pode perdoar, porque o fútbol castiga, en menor ou maior medida, pero, como o mar, este deporte da e quita, polo tanto, deducimos, o fútbol quedou en débeda co Soneira. Pero tamén estaba en débeda co Ponteceso e con Bardanca, o adestrador, quedouse co refrán "da terceira vai a vencida" xa que, como coñecen, levaba dúas finais xogadas e, ata o momento, non conseguira ningunha. Nestes primeiros corenta e cinco minutos de xogo, podemos extraer cuestións relevantes de cara ó futuro, por exemplo, Lavandeira demostrou na final (cando hai que demostralo) ser un dos mellores defensas das ligas costeiras; poderío, saber estar e dominio foron os argumentos expresados onte polo xa bautizado "Benkembaüer costeiro"; eso sí, empañados pola expulsión que sufríu na segunda parte. Antes de rematar a primeira parte da tarta, Manolito en dúas ocasións (moi activo tamén no partido) e Víctor Lema no lanzamento dunha falta gozaron de sendas oportunidades de gol. O Ponteceso tamén petou na porta Soneirán. Alexo de falta, Robi en dúas ocasións e Vicki cabeceando un córner foron os artífices do pouco perigo que o Ponteceso levou nos primeiros corenta e cinco minutos. Na segunda parte cambiou inexplicablemente a actitude e o xogo do Soneira. Pechouse atrás aguantando as acometidas, agora sí, perigosas dos de Bardanca. Alexo avisou do que ía a suceder á postre nun petardazo logo do lanzamento dunha falta dende fora do area detido por Huelvis. Esta acción dou paso a que, no minuto dez, o onte extremo dereito Marco conseguise o primeiro gol. Un gol protestado pola totalidade dos xogadores de Sieso que pedían fora de xogo. Dende a nosa posición, Xosé Luís Louzán, ve fora de xogo de Pablo Pereda (autor do pase), Calabanda ve fora de xogo de Marco; eu, comparto a opinión de Calabanda, Fuentes confésanos non velo claro e Manín pensa que non existiu tal fora de xogo. O certo é que o gol subía ó marcador e as cousas se lle poñían un pouco máis difíciles ós de Vimianzo. O malo é que non ía a rematar aquí. Pablo Pereda está a piques de conseguir o segundo gol no vinteún, perfecto quebro á defensa soneirán, disparo e, menos mal, o balón vaise fora. Sentenciaba Vicki no vintetrés e igualábase con Manolito na táboa de máximos goleadores. Agora sí a costa empinábase, a remontada duplicábase e os xogadores soneiráns comezaron a baixar as cabezas. Sieso foi, logo da expulsión de Lavandeira nunha tonta agresión a Vicki, o primeiro en dar mostras de que isto xa estaba perdido. Comeza a facer cambios continuos para darlle minutos a uns rapaces que levarán con orgullo o poder dicir que xogaron unha final da Copa da Costa. O máis bonito do encontro foi ó final. A irrisoria entrega de trofeos, e digo irrisoria porque ás copas deixaban moito en evidencia á representación da Federación, dou paso a unha festa compartida polos dous equipos. A imaxe normal nestes casos son risas e gritos nun lado e choros e bagoas no outro, onte non foi así, afección do Soneira saltou inmediatamente ó campo para acompañar ós seus xogadores e felicitalos por dárllela oportunidade ó pobo de Vimianzo de poder vivir unha final da Copa da Costa. Xusto vencedor por tanto foi o Ponteceso que demostrou neste campionato o grande equipo que é. Un torneo marcado pola sorpresa, unha sorpresa rachada polos homes de Bardanca, un Bardanca feliz o igual que o seu equipo, un equipo ben prantado, sólido e con clase e, como os bos viños con moito corpo e bo sabor, un sabor doce e amargo que onte deixou tinta para escribir palabras, frases e textos que falan da historia, do fútbol e, sobre todo, do noso, da Copa da Costa. |
||||||
|